Tráilers

A TVG ten, na nosa opinión, unha escasa variedade temática nas súas series, así que aquí estamos nós para darlles ideas, sementes de tramas sobre os temas, xéneros ou subxéneros que imos tocando nos nosos podcasts. Son os nosos tráilers de series inexistentes.

Fantasía Épica: Fogar de Breobreixo

Galimedia está en perigo. Os malvados rahobbits e feihobbits veñen xunto aos mesetrolls para acabar coa paz do reino milenario. Os pobos de Galimedia, céltifos, ourananos, luguishomes e turcorcos, deben unir as súas forzas para xuntar os restos de Breobreixo, un antigo rei capaz de acabar con tódolos inimigos…

Zombies: Adeus ríos adeus zombies

Unha inscripción aparece nuns croios. Semella que contén o segredo para reanimar aos mortos! Hai xente que ve votantes potenciais e quéreo usar no seu proveito, pero algo sae mal…

Viaxes no Tempo: A consellería do tempo

Existe unha porta temporal descuberta nos tempos dos suevos que permite viaxar no tempo pero non no espazo. Pemán dirixe esta consellería que se encarga de velar polas leis do tempo.

Grimdark: Canción de Crema de Orujo e Licor Café

En Galiwesteros, as sete familias das sete provincias andan todo o día ás piñas entre eles. Porén, agora achégase un novo e inefable perigo, os Camiñantes Brancos, que coas súas toallas queren instaurar un verán perpetuo… Summer is comming!

Detectives: O Gato dos Vásques-Vila

A detective Karinna Porro axuda á policía de Compostela nos casos máis complicados, pero desta vez vaise ocupar pola súa conta dunha misteriosa desaparición. Poderá xunto coa súa compañeira Rosalía atopar ao gato dos Vásques-Vila?…

Tipical TVG: A Costa da Sorte

Camañiñas é un lugar onde se xuntan tódolos personaxes tópicos da TVG. Hai curas, gardas civís, narcos, taberneiros, etcétera. Pero como non nos da para pagar a tantos actores, cada personaxe asumirá varios roles. Pero ollo, en Camañiñas non todo é festa rachada, agocha un segredo que de destaparse, removería os cimentos do mundo tal e como o coñecemos…

Ciencia Ficción: Alcolite

Un planeta pragado de eucaliptos será a chave para inclinar a balanza de poder na galaxia. As familias Feihonen e Miñonca loitarán por posuir os dereitos de extracción da sustancia máis valiosa do Universo: A farinia. E para conseguilo, deberán atraer á súa causa aos habitantes de Alcolite, os galíberos…

Distopía: Autónomo Total

O autónomo Arnaldo Norris ten uns extranos soños nos que é outra persoa, e inda por riba ao espertar as cousas non melloran, posto que está cheo de débedas. Na súa desesperación pensa só por un momento en defraudar á Consellería de Superfacenda. Porén, nas oficinas de Prefraude sona a alarma, e os axentes comezan a busca do predelincuente…

Videoxogos: Virutuagal

Galicia está gobernada pola unión das dereitas do desaparecido estado español, o PPOC’s. Para controlar á poboación, contan cun mundo virtual, Virtuagal, que ten alienada á maioría da xente. Porén, uns poucos resisten ante esta ilusión e tentan espertar ao resto. Agora, gracias a un hacker ruso, parace haber unha opción: Existen tres ovos agochados en tres xogos da realidade alternativa que gardan a chave para destruír ao PPOC’s…

Robots: Gayoseitor

Nun futuro próximo o dictador Fei Hoon Un esclavizará á raza humana. Porén, a salvación pode vir da man duns aliados inesperados: as máquinas. A intelixencia artificial Vitroen, antes encargada de supervisar a cadea de montaxe na fábrica de Citroen en Vigo, consegue crear un cyborg coa fasquía de Gayoso, presentador da TVG ao que admira, e envialo ao pasado para amañar a situación. Pero Fei Hoon Un non ficará de brazos cruzados…

Mitoloxía: A Artexíada

Arteixa e as súas compañeiras veñen de gañar a guerra, pero na volta a casa, o deus dos seus inimigos, Press Tiss, imponlles seis terribles probas para poderen cruzar o mar. Agardar nas salas eternas do deus da curación, Xer Gass, ou cruzar os dominios do deus Aud Assa, que esixe imposibles tributos, son só uns exemplos do que lles agarda ás nosas aventureiras…

Policíaco: O pinchazo

Coia. Anos 80. A droga asolaga o barrio máis conflitivo da cidade de Vigo. A loita entre as forzas da lei e os narcotraficantes está enquistada, e esvaécese todo horizonte de solución. Pero o policía John Berzas pode, cunha pequena acción, activar toda unha cadea de sucesos que remexerán os cimentos do barrio…

Demoníaco: Diglosia Infernal

O reporteiro da TVG Constanterio xoga a ser bruxo afeccionado, invocando demos que poden servir aos seus propósitos. Pero nun descuido, nunha festa en Vimianzo, chama ao terrible Diglosiel, o demo que se alimenta de castelanismos. Este provoca unha masacre e foxe cara un lugar onde pode comer a eito. Agora, só o mago John Berzas o pode deter…

Musical: Tartufo reload

Un musical sobre un musical. O director tenta transformar o xénero cunha visión arriscada, pero os conservadores dos que se rodea non llo van permitir. O músico, empeñado en introducir o trap no teatro, vai ao seu rollo.

Catástrofes: ChernoVigo

Ábel, rexedor vigués, precisa enerxía para poder abastecer as luces de nadal, que cada ano deben ser máis espectaculares. Coa creación da central de Samil todo parece controlado, pero algo inesperado sucede…

Piratas: Piratas de Ría

O pirata Xaques Espárrago asola as costas do Imperio Español cun obxectivo, posibilitar a unión de Galiza con Portugal e crear a potencia marítima definitiva, con el coma rei portugalego, claro. Espárrago anda na procura dunha arma que pode destruír frotas enteiras, e os seus inimigos tentarán capturalo antes e que sexa demasiado tarde…

Cyberpunk: Área Metropolinátrix

Na megacidade de Vigotronic a sección Mostovoi da cyberpolicía é a encargada da seguridade na visita do delegado RAM Joy. Axiña as cousas se torcen cando unha bomba fai explosión no dinoseto. O delegado desaparece e todo apunta aos pérfidos cybercoruños, pero a comandante Anna Kiiro sospeita que hai algo máis…

Aventura: Barbanza Anllóns

A profesora aventureira Barbanza Anllóns anda á procura do Santo Graal, que segundo o investigador Méndez Serrín atópase na Galiza. Porén, os malvados líderes da seita Vindeiras Xerazións atopárono antes, aínda que non coñecen o seu segredo, o líquido misterioso que deben verquer na copa e beber para acadar a inmortalidade…