Guión inédito do tráiler “Piratas de Ría”

PROLOCQUIO:

Caderno de bitácora:

     Xaneiro de 1745, repoñendo folgos na illa de Tambo… estou canso de escreber, de cociñar choco con fabas na súa tinta, de apañar moedas e de agochalas en furnas infernais. Estou farto de fuxir dos canóns, de ofrecer reinos ós bretóns e recibir esmolas, de ofrecer gloria ós Asturianos e Portugueses e saír dos pazos con palmadiñas na caluga. Aquí, canso de navegar, eu, o Capitán Lanho, escrebo as derradeiras liñas da miña travesía, anoto os últimos puntos no mapa que agocharei nunha botella de augardente…

     Porque o ouro dos galeóns xa non está en Rande, hai tempo que os chinchos e as xoubas non se meten entre as pútridas madeiras e os descarnados esqueletes. Só me queda a lectura, ese pracer que o Erudito de Domaio me ensinou cando eu era mozo, rir, comer e beber lembrando os cormoráns abrindo as ás ó vento…

A finais do século XVII, nalgures en Madrid, nun dormitorio pouco iluminado:

Home: Veña, Carlos, dálle un pouco máis.

Carlos II: no, me da asquete, nooo

Muller: ti es un home ou un becho?

Carlos II: no, mami!

O decadente Imperio Español ficou sen herdeiro, impotente ante as aspiracións de franceses, ingleses e austríacos:

Inglés: Queremos Xibraltar

Francés: Aniquilaremos as linguas provincianas

Austríacos: O tiro ó branco con esquís causará furor

Españois: zi, zi, vivan las cadenas, viva Felipe VI!

Chegou a paz, e con ela premiouse ós fieis aliados:

Rouco VRLHA: Eu, o arcebispo Rouco VRLHA, concédolle ó cenobita e almirante do buque Hospital Xergas, Núnes Feixón, as terras da Praia de Moaña e Meira.

Núnes Feixón: I eu pongo prezo á cachola do traidor capitán Lanho, colaborador dos ingleses, pirata e criminal de guerra.

Lanho: grumetes, como me chamo Lanho que ese balandro está enchido de viño do Porto. A por el!!

O veterano da armada española anda á procura de xustiza, e tamén de vinganza e ouro:

Lanho: (bébedo) mulleres da Bretaña, Cornualles, Galicia e Portugal, recuperade o que é voso. Que volte o Imperio Celta!

Mariñeiro: capitán, precisamos moitos cartos pra armar unha flota.

Lanho: ouro para os homes… precisamos cabeleira de princesa, unha xerra de alcatrán, 7 paxaros das Canarias, hidromel e pementos de Herbón…

Mariñeiro: toleaches!

Lanho: invocar ó Choco Otomano, e así recuperar o tesouro de Rande

Os plans de reunificación celta non pasan inadvertidos en Compostela, e menos se hai  dobróns polo medio:

Rouco VRLHA: Antonia Rei Saa, tes bo cu… currículo. Encargaraste de cazar ós piratas, de traer vivo ó capitán Lanho, o seu barco e tódolos artefactos que posúa.

Antonia: Eminencia, non sería mellor esfolalo e secalo ó sol coma un peixe? É amigo dos bretóns e dos portugueses, e os meus espías din que ten un pauto co mesmo diaño…

Rouco VRLHA: cala e obedece. Núnes Feixón, a miña man dereita, será o teu contramestre.

Antonia: Ese pailaroque que non sabe o que é un nó?

No pazo do Cu do Porco, en Meira, Núnes recebe a un escribán do lugar:

Núnes Feixón: non, nó es nudo señor Serrín (remexe papeis) e Soaxe é Soaje. E esa investigación nos arquivos da Igrexa de San Martiño, que remate xa.

Méndez Serrín: rebater a miña erudición, a min, a Méndez Serrín… pois non vai ser posible rematar o comentario ó segundo libro da Poética de Aristóteles. Daquela, seguirei co tratado de Filoctetes sobre a invocación de Sepias ultramarinas.

A cadela da armada española non desaproveita a súa patente e arrasa as aldeas costeiras:

Antonia: Núnes, quero un inventario do botín.

Núnes Feixón: 3 dobróns de Portonovo, 2 conexos de Sanghengho, un carpinteiro de Ribeira,…

Antonia: non hai sinal do capitán Lanho. Se acaso navegando cara o sur… Virade todo a babor!

Núnes Feixón: xirade cara a dereita, marinos! Viva Filipe VI!

cormomán4

Unha sorpresa agarda ó capitán Lanho cando atopa ó erudito Méndez Serrín nunha  taberna de Vilaboa:

Méndez Serrín: Contigo quería falar eu. Dúas botellas de Barrantes e licor café!

Lanho: que quererá este chapón?

Méndez Serrín: Mirade ó herdeiro de Maldras e Tequila, rei da Galicia!

Lanho: Baixa a voz!! Carallo pro licor café…

Méndez: Que levas nesa saca?

Lanho: Cousas miñas… pementos pra acompañar ós cogombros de mar.

Méndez Serrín: Se son de Herbón pódoche aprender un ritual relacionado con certo choco que vive en Rande.

Lanho: Conta, conta.

Vencerán as argucias do arcebispo Rouco VRLHA? Executará o capitán Lanho o seu plan de  reunificación dos pobos celtas nun novo Imperio Suevo? Irá a pique algunha ghamela por culpa de Núnes Feixón?

Proximamente, na TVG3,

PIRATAS DE RÍA

Deixar unha resposta