Shogi, o “xadrez xaponés”

shogi1

O shogi de sumesuga. Foto de Alextvc.

Descubrindo o shogi

O shogi é un xogo de taboleiro que se practica sobre todo no Xapón, aínda que estase a estender cada vez máis alén das fronteiras do país do sol nacente. Algúns dos membros de Gurrucho de Vozcast descubrimos este xogo fai relativamente pouco, e fixémolo a través, como supoño que lle pasou a moita outra xente, do xadrez. Vale, tamén lle temos que dar a súa parte de mérito ó manga e ó anime, sobre todo a Samurai Champloo de Shinichiro Watanabe, anime no que nun dos seus episodios a trama xira arredor dunha partida de shogi. Pero que pinta nesta web unha entrada acerca do shogi e por que? Como dicía, o xadrez abriunos as portas deste xogo xaponés, e aproveitando que nun futuro próximo faremos un Monogurrucho que trate sobre xogos de mesa, entre eles xadrez e shogi, escribo este artigo no que tentarei explicar de que vai o shogi a través da nosa experiencia.

E comezando polo principio, o propio é describir como descubrimos este xogo oriental. Estabamos durante unha época dous dos gurrucheiros enganchados ó xadrez. Longas partidas en bares ou na praia que ocupaban as nosas tardes foron o acicate para introducirnos moito máis a fondo no deporte dos sesenta e catro cadriños. O que é certo é que algúns se introduciron máis ca outros. Algúns que incluso se meteron nun equipo e chegaron a competir a nivel provincial. Loxicamente, a outra parte, a menos “comprometida” co estudo, comezou a perder as partidas xa practicamente de xeito automático. Así, a busca de alternativas nas que a igualdade sustituíse á humillación, desembocou irremediablemente na busca das raíces e variantes do xadrez. Apareceron entón o chaturanga, o xiang qi, o nefatafl, e por suposto o shogi.

De que vai isto do shogi

Tentarei aquí escribir unha especie de tutorial sinxelo dende o noso punto de vista. O primeiro que fixemos foi mercar un shogi por internet. Saiunos por uns trinta euros. E tras, con toda a ledicia do mundo, recibilo, o primeiro que nos chamou a atención foron as letras xaponesas ou kanjis que identifican cada peza. Xa iamos sobre aviso, pero velas en directo eche outra cousa, e a identificación de cada ficha non foi doada. A isto sumámoslle que tanto as pezas “brancas” como as “negras” son iguais, e só se diferencian na dirección á que apuntan, que é cara o adversario.

A diferencia do xadrez, no shogi cada xogador conta con vinte pezas, e o taboleiro é de 9×9 cadriños separados por liñas. Polo tanto é un taboleiro monocolor. Tamén a disposición inicial é diferente: os nove peóns sitúanse na terceira fila comezando por abaixo (que segundo sexas sente, rei reinante, ou gote, rei desafiante, pode ser a sétima), e non na segunda, que está ocupada soamente polo bispo e a torre nas columnas segunda e antepenúltima. Si, so hai un bispo e unha torre. Na primeira fila sitúanse, de fóra cara dentro e dende ámbalas dúas esquinas, os lanceiros, os cabalos, os xenerais de prata, os xenerais de ouro, e o rei no medio. Vemos como algúns dos nomes sóannos, mentras que outros semellan chinés, ou xaponés neste caso.

IMG_20170718_184716

O rei move coma no xadrez, un cadriño en calquera dirección.

IMG_20170718_160702IMG_20170718_160309  O bispo e a torre tamén coma no xadrez, o primeiro en diagonal en calquera dirección e o número de espacios que queira, e a segunda en cruz en calquera dirección e o número de espacios que queira.

IMG_20170718_155423  Os peóns moven un cadriño cara diante, e até aquí a coincidencia co xadrez. Posto que os peóns non comen en diagonal, senon de fronte. Por certo que esta foi a diferenza que máis me custou asimilar durante as partidas.

IMG_20170718_160022  O lanceiro move como a torre, salvo que non move de xeito horizontal nin cara atrás, ou sexa, só move cara diante.

IMG_20170718_155631  O cabalo move en L, pero so dous cadros cara adiante e un cara calquera dos dous lados. Polo tanto, ten dous movementos posibles.

IMG_20170718_160147IMG_20170718_155526  E por último os xenerais, os máis especiais do elenco de pezas. Moven coma o rei, pero con certas restricións. O xeneral de ouro non pode mover cara as diagonais traseiras, mentres que o xeneral de prata non pode mover cara os lados nin cara atrás recto. Son, dalgún xeito, complementarios.

Comeza  a mover o chamado sente, que sería como as brancas do shogi, e continúa o gote. O taboleiro numérase tanto en fileiras coma en columnas, sendo 1-1 o cadro superior dereito dende o punto de vista do sente.

shogi2

O shogi de ulex.

Imos agora con outros novos conceptos. Ó chegaren a zona inimiga, as pezas poden promocionar. E que é isto de zona inimiga e promocionar? Pois a zona inimiga son as tres fileiras máis achegadas ó contrincante, onde desprega as súas pezas, vaia. E promocionar é, en case tódolos casos, converter a peza, se así o desexa o xogador, nun xeneral de ouro. Isto faise no momento no que a peza acada unha destas fileiras, ou nun movemento dende unha destas fileiras cara onde sexa. Se non se promociona ó rematar este movemento, xa non se pode facer até volver efectuar un movemento como os que acabo de expoñer que valide a promoción.

O xeneral de prata, o cabalo, o lanceiro e o peón promocionados moven como o xeneral de ouro

As excepcións: O rei e o xeneral de ouro non promocionan, posto que quedarían como están ou peor. Pola súa banda, a torre e o bispo promocionan dun xeito distinto, e a ámbalas dúas pezas se lle suma o movemento do rei ó que é de seu ao inicio. Na práctica isto é:

IMG_20170718_160318  A torre promocionada move coma antes e ademáis un cadriño en diagonal en calquera dirección.

IMG_20170718_160711  O bispo promocionado tamén move coma antes e ademáis un cadro en horizontal ou vertical en calquera dirección.

Case que me esquezo: para saber que unha peza está promocionada só é preciso darlle a volta, e no reverso aparecerá outro kanji identificativo, e segundo o modelo, este ideograma será de cor vermella ou negra coma as demais. Tamén sería bo salientar que as pezas, loxicamente, teñen un nome xaponés, tanto as normais como as promocionadas, pero non fiaremos tan fino neste artigo e remítovos se vos interesa á santa ou dema, como prefirades, wikipedia.

A outra gran diferenza con respecto do xadrez, a que a min particularmente máis me gusta e que penso que é a seña de identidade do shogi, é que as pezas que captura un xogador pode devolvelas ó taboleiro como pezas propias. Só as ten que introducir na súa quenda en lugar de facer un movemento coas pezas que xa ten en xogo.

Para facelo, existen algunhas restricións que obedecen a unha regra de ouro: a peza que se introduce debe de poder facer un movemento dende onde é colocada. Polo tanto, un peón non se pode colocar na última fileira, nin un lanceiro tampouco, e o cabalo é imposible introducilo nas dúas últimas. A outra regra é en col dos peóns. Non pode haber dous do mesmo bando na mesma columna. Ollo, si que pode habelos se un dos dous está promocionado. Tampouco se pode colocar un peón se ó facelo provocas un xaque mate ó rei. Isto si que se pode facer coas outras pezas. Por último, se colocas unha peza en zona inimiga esta non promociona inmediatamente, débese efectuar un movemento para facelo.

No tocante ás demáis regras, son iguais ás do xadrez. As pezas son capturadas ocupando o cadrado que ocupan. Só o cabalo salta sobre outras pezas. O obxectivo é eliminar ó rei rival. Existe tamén o concepto de xaque ó rei e de táboas, aínda que estas aparecen en moi raras ocasións. Non se permite repetir un movemento máis de catro veces (unha especie de “pasivo” do shogi”).

Penso que con isto o apartado de regras queda máis ou menos cuberto, así que pasemos agora a outro baseado na experiencia de xogo.

Shogi e gurrucheiros

As primeiras partidas, e perdón pola escaseza de aptitude para definilas doutro xeito, foron unhas risas. As confusións, moitas directamente procedentes do costume de xogar ó xadrez, eran continuas. As máis tipicas, pensar que os peóns comían en diagonal, e darse de conta que non era así demasiado tarde. Contar con que o cabalo move en máis direccións das que o fai. Ou confundirse ó mirar a diagonal que ocupaba o alfil por mor de non estaren os cadros en dúas cores.

Outras confusións eran as propias de comezar cun xogo novo. Confundir os movementos dos xenerais de ouro cos do xeneral de prata. Non contar con que as pezas que che comen poden voltar á partida. Ou non introducir esas pezas que capturaches por non darte de conta de que o podes facer.

Por último, as confusións de xogar un xogo novo e xaponés. Porque, se me permitides un inciso, existe unha versión do shogi na que as pezas, no canto de viren marcadas con kanjis, veñen cunha especie de símbolos e frechas que marcan o movemento de cada unha. Isto era demesiado sinxelo e pouco auténtico para nós, que somos un pouco friquis, e decidimos polo tanto mercar un shogi cos ideogramas xaponeses orixinais. Rematando aquí co inciso, retomamos o fío das confusións coa máis habitual e a que máis tempo permaneceu nas nosas partidas: confundir as pezas, non recoñecer a peza que estás a mirar ou pensar que é outra, sobre todo durante o cálculo de xogadas. Dous exemplos típicos: “É que pensaba que era un xeneral de prata e era un cabalo!”, ou “Ouch! Non distingo entre o bispo e a torre promocionadas”

shogi3

Partida de shogi entre ulex á esquerda e sumesuga á dereita. Así é como o deixamos para outro día. Move ulex.

Todos estes “erros” fixeron das partidas inicias unha experiencia interesante e tamén construtiva. Moitas veces avisabámonos uns ós outros e perdoabamos tales descuidos. Porén, a medida que avanzabamos no número de partidas o nivel foi subindo, e as confusións desaparecendo, aparecendo entón unha experiencia intensa e divertidísima. Ollo, estamos a falar dun nivel medio-baixo-baixísimo. Como anécdota, dicir que os primeiros dez ou doce envites gañounos sempre o sente, que cada vez era un xogador distinto xa que iámos alternándonos. Non sei se por que está desbalaceado o xogo en favor deste, porque eramos e somos moi malos, por casualidade ou polos designios dos kami. O caso é que sucedeu.

A nosa aventura co shogi viuse ampliada por internet. Non mencionei antes que o método que usamos para aprender a xogar foi ler as normas na wikipedia. Pois máis aló da famosa páxina, existen moitos tutoriais en youtube creados por asociacións ou particulares. Pero o que máis nos chamou a atención foi unha páxina web xaponesa en particular. Chámase Dojo 81, está en inglés e xaponés, e nela podes xogar partidas online, mirar outras partidas, e incluso comentalas unha vez rematadas. Se algunha vez entrades e atopades por aló a un tal Ulex ou un tal Sumesuga, non dubidedes en retalos.

Para rematar, poño aquí as ligazóns das páxinas web e de youtube que acabo de mencionar por se algúen lle interesa o tema. A primeira é a da páxina para xogar online na que nos podedes atopar ós gurrucheiros. Esta e esta outra son dunhas asociacións españolas de shogi. E por último uns tutoriais case tan bos coma este, pero en video e en inglés. Espero que este tixolo servise para alimentar a fame polo shogi, ou polo menos para espertarvos un chisco a curiosidade.

Un saúdo gurrucheiro!

2 comentarios en “Shogi, o “xadrez xaponés”

  1. Moi ben redactado este interesantísimo artigo sobre o shogi. Só debo engadir que a canle de Hidetchi en youtube é do mellor que hai. A ver se me animo e fago unha réplica…
    Parabéns, ulex!

    Gústame

  2. Pingback: Shogi, o chamado "xadrez xaponés" - Gurrucho de Vozcast_Gurrucho de Vozcast

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s